Para moitos é un lugar case sagrado. Un templo do rock and roll en pleno casco histórico compostelán. Un bar polo que pasaron músicos como Kevin Weatherill, líder dos Immaculate Fools, ou Nikki Sudden, fundador dos Jacobites e ‘partener’ de Keith Richards (The Rolling Stones). Sen deixar de mencionar a artistas como Los Reyes del KO, Piti Sanz, Julián Hernández, Los Coronas… “Nestes 19 anos, botando contas, debimos ter feitos uns 700-800 concertos“, apunta un dos seus fundadores, Andrés Villasenín.
Foi en 1996 cando, xunto co seu irmán e un amigo, decidiu montar A Reixa nos baixos dun pazo renacestista situado na rúa de Tras Salomé e que pertencera á familia Fonseca, tan importante para a Universidade de Santiago (USC). Alí estaba a corte e, onde hoxe está a barra do bar, había uns soportais. De feito, aínda se conservan os arcos na fachada. Desde os anos 30 do pasado século o local albergaba unha das tabernas máis míticas da cidade. “Fora o ambigú do Teatro e da USC durante moitos anos. Nós queriamos que fora este sitio porque nos parecía un pouco máxico”, sinala Andrés.
Despois de meses de arranxos, A Reixa abriu as súas portas o 7 de febreiro do 1996. E axiña funcionou. “A época era moi boa. Santiago era unha cidade que molaba, á que viña moita xente, moitos universitarios, Erasmus… Nós eramos rapaces moi novos. Gustábanos o rock and roll e estabamos fartos dos nosos traballos miserables. Decidimos entón montar un sitio onde puideramos escoitar toda a música que nos gustaba e, a verdade, é que marcamos unha liña na cidade”, conta Andrés.
Pasado o tempo, A Reixa segue mantendo o seu éxito, aínda que con maiores dificultades no camiño. “Santiago está cheo de bares interesantes, que teñen moita calidade tanto de servizo como pola súa aposta cultural. Pero leva gobernada por cretinos moitos anos. E toda esa xente que viu aquí nos 80-90, que fixeron teatro, cine, música, literatura… está marchando”, lamenta Villasenín. Unha das principais trabas é a falta do convenio cultural que durante anos mantiñan co Concello e que amparaba as actuacións nos locais de hostalaría. Desde a Asociación Cultural Cidade Vella – que preside Andrés – levan meses intentando que se renove sen resultados. “Diálogo si que hai, pero dinnos o de sempre: Vuelva usted mañana“.
Mentras tanto seguen traballando no único que – segundo di- saben facer: vender ocio, divertir á xente e que a súa clientela, a de sempre e os novos, pasen un bo rato en A Reixa, escoitando boa música ou simplemente gozando do ambiente.
Fíxate ben…
- Na decoración de A Reixa destacan os carteis, fotografías e cadros que colgan das súas paredes. Algúns levan alí desde que abriu e outros foron ‘desaparecendo’. “Roubáronnos moitos ao longo destes 19 anos”, explica Andrés. Fai pouco tocoulle a unha dedicatoria de Pete Townshend e Roger Daltrey (The Who) pero, por sorte, non era a orixinal!
- Nos anos 60 rodouse unha escena da película ‘En un mundo diferente’, de Juan e Junior, dentro de A Reixa, que entón era unha das tascas máis coñecidas da cidade. Podes vela neste vídeo:
Por Rebeca Munín
The post A Reixa Bar Musical: un templo do rock and roll no casco histórico de Compostela appeared first on Pincha(e)Discos.