Quantcast
Channel:
Viewing all articles
Browse latest Browse all 25

Brais Morán: “Cruzando o eclipse é un antes e un despois, un paso cara á madurez”

$
0
0

brais_moranwebA xente que me coñece sabe que son unha gran admiradora da voz do sr. Carlos Tarque, cantante de M-Clan. Encántame a sonoridade do grupo, sobre todo a da súa primeira etapa. Foi inmensa a miña sorpresa cando escoitei o primeiro traballo en solitario do meu bo amigo Brais Morán, “Cruzando o eclipse”, e sentín esas reminiscencias do rock de Tarque nada máis comezar a escoitalo. Garra, forza, un rock coidado e en galego. É un espello do seu autor. Brais, excantante de Loretta Martin e compañeiro meu nos palcos como parte do espectáculo infantil Pitusa Semifusa, é unha persoa sensible, espontánea, talentosa e libre, con moito que dicir e cunha voz realmente fermosa e persoal coa que facelo.

Como vai a presentación do disco? Que impresións tes?
Está tendo unha moi boa acollida desde que se lanzou ás redes sociais e a tódolos medios, mais isto só acaba de iniciarse e arrincar. O disco aínda está chegando ás tendas e precisa de expandirse aínda moito para que teña máis repercusión. O traballo de Borderline Music e Discmedi na distribución, tanto física como dixital, é moi profesional e todo o mundo vai sabendo o que estou presentando. Até agora, a única presentación oficial coa banda foi este pasado 11 de decembro, mais o 2016 vén cargado de novidades e datas, que aínda estamos pechando. Espero darvos moito do que falar.

Como describirías “Cruzando o eclipse“? Con que nos podemos atopar?
É un repaso de toda a miña vida musical. O inicio dunha carreira en solitario co meu nome real. Por iso apostei por cruzar o eclipse acompañado de Miguel Queixas, Denís Morán e Manu Seoane, grandes músicos deste eclipse, que me acompañan para cruzalo xuntos. O título é unha alusión aos eclipses que houbo este ano pasado. Cruzalo representa para min a madurez, o mirar para adiante, o continuar loitando con forza neste mundo abrindo nova luz. Marca un antes e un despois.

Son todas pezas túas, así que debeu ser un proceso laborioso. Canto tempo tardaches en poñer o disco en marcha?
Son cancións miñas, agás unha adaptación dun retrouso de Fran Pérez Narf convertido a unha co-produción conxunta de ambos, que titulei “Destino“, que é coa que abro o disco. Aquí hai moita música e moitos estilos dos que aprendín e fun experimentando, pero penso que é un disco de Rock. A min gústame compoñer cancións e a banda fai que soen a eles comigo, e danlles moita personalidade. É fácil crear cancións e arranxalas cando tes xente ao teu lado que te comprende e comparte a mesma onda, por iso sae un bo resultado de aí. Poñelo en marcha levou tempo, porque primeiro houbo que montar o proxecto, entendernos tocando, logo ensaialo e, por último, buscar os medios para gravalo e contar coa maior difusión posible.

Que música escoitas? En quen te inspiras? No teu novo traballo podemos escoitar un Brais máis “cañero”. Que foi o que te levou a comezar en solitario despois do éxito con Loretta Martin?
De todo, pero non todo… he he he. E dicir, gústame moita música pero non che pode gustar toda. Supoño que o mesmo che pasará a ti, Xiana… Escoito desde Doa até Soundgarden no mesmo día… Eu adoro o rock, o soul, o folk, o funk… (que parece que o levo sempre bailando comigo). Si que é certo que neste disco hai máis rabia, hai máis forza e rompín con moitas cousas de atrás. Revivín un pouco a miña adolescencia co grunge e funme tamén a sensacións vivas e presentes que recordo da miña infancia (aí está a inspiración da Costa da Morte). Todo iso fai que reproduzas na túa música estas emocións. En Loretta Martin predominaba o funk e a samba. Aquí non é que deixe de estar, pero cambia totalmente o concepto. Independiceime para falar un pouco máis en primeira persoa nas letras e vivir máis directamente e desde dentro todo o sentimento, que disparo con máis distorsións e cun ritmo menos cálido e quizais algo escuro.

“Usar a nosa lingua fóra do folk chocáballe a moitos, pero hoxe en día cambiou a mentalidade da xente”

No disco faslle unha bonita dedicatoria a teu pai, César Morán. Foi un importante referente para que ti te meteses no mundo da música, supoño. Como comezaches?
Si. Eu veño dunha familia de músicos, así que nacín e crecín escoitando sons ao compás dun tambor ou dunha guitarra. Penso que dedicarllo ao meu pai é o mínimo que podía facer e teno moi merecido porque nunca deixou de estar ao meu lado, apoiándome e interesándose por todo o que vou creando. Resumín con palabras que están no traballo a súa sensibilidade, porque el tamén é músico e gusta da poesía. Vai moito máis alá do cariño que lle poida ter.

Como levas ser un rapaz da Coruña que fai música en galego fóra do ámbito tradicional? É máis complicado? Péchanseche portas ou ao contrario?
Son un rapaz da Coruña pero nacín en Ourense… ha ha ha. Pois fago música en galego porque sempre me saíu de forma natural e espontánea. Ademais diso, é a miña lingua materna e no que máis me expreso a diario. Hai anos, todo o mundo se estrañaba do que debería ser o máis normal. Usar a nosa lingua fóra do folk chocoulle a moitos, porque case non había música cantada en galego fóra do eido tradicional. Hoxe en día está moito máis asentado e penso que algo cambiou a mentalidade da xente. Por outra banda, estase demostrando que comunicar en galego abre moitas máis portas das que podemos pensar para saír fóra.

Botas algo en falta na nosa música? Pensas que hai suficiente apoio e espazos para tocar?
En canto á composición e á variedade musical penso que hai moita calidade e diferentes estilos que aínda non se coñecen na Galiza. Espazos podía haber algún máis, pero os que hai teñen perfectamente cabida para dar a coñecer os proxectos. Penso que onde estamos máis carentes é na industria musical e na forma de facelo chegar á xente. Queda aínda moito público que o descoñece e precisamos de máis divulgación. Despois está a profesionalidade e a legalidade do propio músico para poder traballar do noso. É algo moi importante co que seguimos en loita continua.

“No escenario sinto loucura, emoción, ganas de comunicar, de facer a mona…”

E en canto á formación? Neste momento semella que hai unha explosión de lugares onde aprender música. Ti es docente, cres que está ben que saia do ámbito dos conservatorios para poder estudar outros estilos? Ou esoutros estilos deberían integrarse tamén dentro do ensino regrado e entraren nos conservatorios como outra posibilidade? Onde te formaches ti?
Son docente desde hai tres anos e apostei pola didáctica desde a propia guitarra, fágoo de maneira extraescolar. Os conservatorios son un bo medio para aprender e formarse, pero están demasiado orientados á aprendizaxe da música clásica ou do jazz moderno. Si que penso que se debería abordar o estudo de máis estilos. O máis interesante para ensinar é dar a coñecer a música na súa totalidade e ser abertos. Eu fun ao conservatorio e aprendín moitas cousas técnicas, pero non me ensinaron a compoñer unha canción. Supoño que para iso hai que tirar da propia disposición dun mesmo a partir dos coñecementos que temos e poñerse a facelo para ver que sae. Todo é experimentar e escoitar moita música.

Pareces unha persoa moi sensitiva. Que sentes cando estás nun escenario? Como o describirías?Grazas, Xiana. Si que son moi sensitivo. Sinto loucura, emoción, ganas de comunicar, de facer vibrar, desafogo, ganas de facer a mona… Sobre todo o que máis lle pode molar a un músico é transmitir e ver que o público goza. Cando cantas e te deixas levar soe pasar. Se ti o cres, o público tamén. No meu caso son moi extravertido e gústame sacar para fóra o mellor que teño.

Segues unha serie de pautas para prepararte no teu día a día ou antes dun concerto? Algún tipo de coidados especiais?
Non. Sobre todo coidar a voz, non coller frío e aforrar toda a enerxía posible para centrala no concerto. Non son moi supersticioso, pero sempre penso que a miña cabeza debe estar sen expectativas e sen prexuízos. Así todo será benvido e non haberá lugar a decepcións.

Que expectativas tes proximamente co disco? Queres saír tamén fóra de Galicia?
Sempre digo que todo o que veña será ben recibido. As expectativas imos deixalas á marxe, aínda que, se saímos fóra pronto e temos a oportunidade de presentalo, aí imos xuntos. E se o mundo da música se alía con Pitusa, seguiremos percorrendo a mesma aventura.

Pois oxalá poidamos seguir compartindo camiño, Brais, claro que si.
Moitas grazas, Xiana.

EN CURTO

Alguén con quen che gustaría cantar?
Fernanda Abreu.

A persoa a quen máis admiras artisticamente?
Lenine.

Un lugar especial onde actuases?
A antiga sinagoga de Ribadavia.

Un lugar onde che gustaría actuar?
Brasil.

Un tema que destacarías do teu disco?
Arráncame a pel.

Unha cantiga que teñas como un referente?
Como canción: Runnaway,de Del Shannon. Como cantiga: Muiñeira de Santo Amaro.

Por Xiana Lastra

The post Brais Morán: “Cruzando o eclipse é un antes e un despois, un paso cara á madurez” appeared first on Pincha(e)Discos.


Viewing all articles
Browse latest Browse all 25

Trending Articles


MARÍA OLIMPIA DE OBALDÍA [9233]


JUAN ANTONIO CAVESTANY [14.478]


Un Pombero anti-robos


Goku tamaño real


ALFREDO HERRERA FLORES [17.044] Poeta de Perú