![Nico en Londres. Foto: Noela Roibás](http://i2.wp.com/pinchaediscos.com/wp-content/uploads/2016/04/DSCF9187.jpg?resize=800%2C533)
Nico en Londres. Foto: Noela Roibás
Gañar un Oscar! Cantos soñan con iso? E cantos o conseguen? Nico Casal é un dos que poden dicilo. O músico compostelán é o autor da banda sonora de Stutterer, gañadora do galardón á mellor curtametraxe na pasada edición dos premios da Academia de cine norteamericana. Residente en Londres, o que máis bota de menos de Santiago é a familia e os amigos. Con el puiden falar durante uns días de visita na cidade e a nosa conversa rematou nun reto. Será quen de cumprilo?
Xa van varias semanas desde a cerimonia de entrega dos Oscars. Como te sentes a día de hoxe?
Estou moi contento pero todavía un pouco baixando da nube! E creo que vou tardar bastante aínda en facelo. Foi todo tan inesperado e tan alucinante que non estaba preparado!
Levas uns días en Santiago pero non veu o Oscar contigo, non?
Non. Somos un equipo de seis e os ‘nominados’ oficiais digamos son o director e a produtora. Entón déronnos dúas estatuillas. Foi curioso porque estabamos catro nunha mesma casa e despois da cerimonia estivemos uns días os catro almorzando, comendo, na casa cos dous Óscars! (risos) Era todo bastante surrealista!
Como dous máis na casa…
Si! (risos)
Pero como é ese Oscar? Pesa?
A verdade é que pesa moito!! Non sei de que está feito pero pesa moito máis do que te podes imaxinar!
E o feito de estar nunha cerimonia tan famosa?
Foi surrealista. Como estar vivindo nunha película. Vivino sen ser moi consciente de que iso era a vida real. É algo que levas vendo toda a vida pola televisión e parece tan de Hollywood, de limusina, de alfombra vermella… Vernos alí dentro, formando parte de todo ese espectáculo, foi unha auténtica marabilla. Estabamos todos xuntos pasándoo moi ben e como a nosa categoría foi de cara ao final, a verdade é que entre os nervios, a emoción e a tensión de velo todo desde dentro non houbo tempo nin para aburrirse nin para que se fixese longa.
Que é o que conta Stutterer?
Vai sobre un rapaz tartamudo que leva falando por internet cunha rapaza desde hai meses. Ao escribir é un rapaz moi inxenioso, moi simpático… teñen unha relación de moito cachondeo. A curta vai do momento no que el decide que vai pasar por Londres unha fin de semana e estaría disposto a verse en persoa con ela. Conta o momento no que o rapaz ten que superar os seus medos, pero sempre cun toque de humor. É unha desas historias que poden facer rir e emocionar ao mesmo tempo.
![nico casal](http://i0.wp.com/pinchaediscos.com/wp-content/uploads/2016/04/DSCF9290_elexida.jpg?resize=355%2C533)
Foto: Noela Roibás
E na que a música leva o fío conductor…
Si porque ao ser un rapaz tartamudo hai moi pouquiño diálogo. Para min foi un reto moi bonito porque a música é un personaxe importante. A música ten que expresar o que el non pode coas palabras. Foron moitos meses de traballo para dar exactamente coas notas que facían falta pero para min foi un auténtico desfrute. Ao ser un corto entre amigos tivemos moito tempo para probar. Musicalemente creo que foi dos traballos máis difíciles que fixen ata agora pero ao mesmo tempo foi dos máis bonitos e gratificantes. É importante dicir ademais que é a primeira curta do director. E tamén é a primeira curta do director de fotografía. E os produtores tamén son un pouco novatos. Entón foi unha sorpresa como unha curta con moi pouquiño presuposto e feita entre amigos chegou onde chegou.
E iso ponvos moita presión agora para os seguintes traballos?
Moita! (Sorrí). Pero a verdade é que estamos traballando xa, o mesmo equipo máis ou menos, na que vai ser a primeira longametraxe de Ben (Benjamin Cleary, o director).
Supoño que lograr algo como un Oscar fará que penses que todo é posible…
Totalmente. E de feito eu, aparte de que me supera todo isto que está pasando, estou recibindo moitas mensaxes de músicos dicíndome que ben isto como unha esperanza, como que tendo sorte e currando, todo é posible. E nese sentido, estou moi contento.
Hai que currar… e hai que marchar do país?
No meu caso non marchei só por un tema profesional. A nivel persoal apetecíame moito. Quería aprender outro idioma, verme fóra… A nivel laboral aquí eu estaba máis ou menos ben, pero a nivel persoal quería marchar. E é certo que para facer música para cine é moi importante ver como funciona a industria. Eu son consciente de que se non chego a marchar seguramente non tivera esta oportunidade de facer unha curta así e acabar onde acabei. Pero sempre digo o mesmo, que é importante marchar da casa para ver mundo, para espabilar e aprender moito, e mellorar.
Seguirás entón por agora en Londres? Non volves para Santiago?
Non o sei moi ben. En Londres estou empezando agora a estar ben así que en principio a miña idea é quedarme un pouco máis. Seguir exprimindo Londres. Levo catro anos e medio e sinto que aínda teño moito que facer alí antes de cambiar. Pero o caso é que como compositor dá un pouco igual onde viva.
Como é o proceso de composición?
O primeiro é estar ao servizo do director. Teño que quedar moito con el, ver as escenas, o guión… E logo empezo a traballar en base a adxectivos. O meu traballo é traducir musicalmente o que o director quere expresar ou cree que lle falta en cada escena. O director nunca vai dicir: “Aquí mete clarinete ou frauta…”. Pero si que vai dicir: “Aquí quero que soe un pouco máis a amor”. É difícil porque se me dis que queres algo bonito, ao mellor o que para min é bonito para ti non o é.
Cal sería o teu seguinte soño?
Ter a oportunidade de seguir gozando disto e poder vivir da miña paixón. Iso xa é todo un soño! Levo pouco tempo así, así que o soño é que siga, que a partir de agora sexa máis doado e poder vivir delo ao cen por cen.
Que é o que máis botas de menos de Compostela?
Moitas cousas! Pasear pola Zona Vella ou o simple feito de facer unha chamada de teléfono e quedar cos amigos de toda a vida en media hora. Iso é algo que non se paga! E tamén a comida e a familia, por suposto!
Qué música poñeríaslle á nosa cidade?
Hum… (pénsao) A verdade é que me pillas completamente! Podería dicir o mítico da chuvia pero hoxe fai un día espléndido!… (segue pensando) E non quero dicir o típico!
Deixámolo entón como reto, que penses algunha música para Santiago…
Pois si! (Sorrí) Queda como reto!
Por Rebeca Munín
The post Nico Casal, un compostelán de Óscar: “Tendo sorte e currando, todo é posible” appeared first on Pincha(e)Discos.