Lembro perfectamente o día que coñecín a Iria. Foi na Nave de Vidán hai xa un par de anos. Había unha cea con comida típica de Portugal amenizada polo grupo Clave de fado, sen dúbida un bo plan para unha noite de fin de semana. Cando chegamos ao local atopei varias persoas coñecidas, como a poeta e gran amiga Rosalía Fernández Rial e os músicos Sapoconcho e Pablo Vidal, que despois lle botaron unha peza. Iria, voz do grupo, chamoume moito a atención nada máis abrir a boca. Nunca antes a escoitara e enganchoume desde o primeiro minuto a cor da súa voz e o control que tiña sobre ela. Ben se debeu dar de conta de que estaba a analizar cada cousa que facía, porque en canto rematou o concerto e ma presentaron, díxome: “supuña que cantabas por como me mirabas”. A pobre debíase sentir como facendo un exame! (haha). Hoxe falamos con ela porque, dende aquela, converteuse nunha gran compañeira e acaba de embarcar nun novo proxecto musical, Arifi, que de seguro dará moito que falar e que xa podemos ver sobre os escenarios.
Como comezas nisto da música? Vénche de familia ou non tivo nada que ver?
Pois eu son lucense e veño dunha familia traballadora, con moito talento para a música (meu pai foi batería e canta moi ben; seu pai, nado en Cuba, encantaba cantando rancheiras, case nada. Polo outro lado contáronme que había unha longa tradición de cantores e cantoras, pero eu non o vivín. Contáronme tamén que Fuxan os ventos interesouse pola voz profunda e grave de meu tío, pero creo que nunca chegou a cantar profesionalmente). Así que son pioneira na miña familia (hehe).
O amor pola música, eu creo que antes de nacer xa o sentía, canto dende que teño pulmóns. Cantando é como eu me sinto no mundo, sen isto non sei que sería de min. Creo que podes entenderme
Claro que te entendo, se ben ás veces é unha necesidade “complicada”. Es unha persoa que actúa bastante en pequenos locais. Como ves as posibilidades que ofrece a industria musical actual (se é que a hai) para poder vivir disto profesionalmente?
Pois moi, moi complicada. Non hai apoio de institucións (salvo en raras ocasións e determinados concellos). E nos locais é complicado tamén, porque o tema de traballar cun caché minimamente digno non soe caer ben. Ademais está o tema do “intrusismo laboral”, neste momento moitas persoas collen unha guitarra e van tocar por aí versións do que sexa. Iso está ben, mais, se fan competencia desleal, xa non mola tanto.
Temos que ser conscientes de que dese xeito non nos facemos ningún favor.
Pero ben, dentro do que cabe, eu non teño queixa. Aquí sigo en pé. E moi orgullosa, porque eu empecei a tocar en plena crise e non sei o que é vivir a época dourada da que me falan. Así que para min isto de ter que facer todo un mesmo (publicidade, deseño gráfico en cartelería, imaxe, management, produción sonora…) para poder tocar nun local, pois é o pan de cada día.
E sigo coa esperanza de que algún día cambie o conto, ou polo menos seguiremos traballando para conseguilo.
Pareces desde logo unha persoa traballadora e loitadora. Cando comezaches a formularte o dedicáreste a isto de maneira profesional e como te formaches?
Eu sempre fun autodidacta. Como che dixen, na miña familia non había músicos profesionais e tal vez por iso eu nunca estiven preto deste mundo ata que puiden facelo pola miña conta. Ademais, no Conservatorio de Lugo non existía a modalidade de canto cando eu era nena, e non podía pagarme unhas clases privadas. Despois estudei Maxisterio e un Mestrado de Artes Escénicas. Durante a carreira tiven a sorte de formarme en didáctica da música coa gran Susa Herrera. Tamén formei parte de varios coros dende pequena ata a universidade e máis aló. E tiven a sorte de recibir clase de canto dunha das mellores profes que unha pode ter, Mónica de Nut. Tamén estudei un tempo na Etrad, no programa profesional, onde tiña clase cos mellores, entre eles Chisco. E hoxe en día sigo formándome a través de masterclass, etc.
Teño en mente comezar estudos no conservatorio, pero aínda non atopei o momento, a vida vaime levando por outros camiños.
En canto a cando pensei en dedicarme profesionalmente, pois cóntoche.
Eu empezara a cantar para o público con Clave de Fado (por aquel momento con Pepe Piña e Gonzo Piña). E xa lle pillara o gustillo… Pero foi no ano 2011 cando recibín unha mensaxe de Bieito Romero ofrecéndome a posibilidade de facer unha proba para ser a nova voz de Luar na Lubre. Fixen a proba e ao final non me escolleron, pero isto marcoume. Digo, se Bieito se fixa en min, que acabo de comezar… igual algo de futuro teño neste mundo. E así foi como comecei a dedicarme xa de cheo á música e xa non podo parar. Despois viñeron máis apoios de músicos e músicas de moitos lugares, pero teño que destacar o apoio de Uxía Senlle, compañeira á que admiro e na que me inspirei, sobre todo ao comezo. Gran profesional e unha muller moi sabia e xenerosa.
Lin nalgunha entrevista que comezaches a cantar fado no 2009 porque cho propuxo unha amiga. Como foi? Non tiveras contacto con este xénero antes?
Foi algo así. Eu cantaba fado, ao meu modo, dende que souben que existía, porque foi un amor a primeira vista. O fado é unha música moi universal e moi galega tamén. Chámame a atención que a xente se estrañe de escoitar unha galega cantando fado. Pero se somos o mesmo! A nosa paisaxe emocional é a mesma. Os adornos da voz, as temáticas e o xeito de contalas, todo é moi galego. De feito no momento en que xorde o fado nos barrios baixos de Lisboa, había unha importante “colonia” de galegos, taberneiros, augadores… sábese que os galegos estabamos alí, e na cultura e na música, todo se contaxia.
Cada vez que canto fado en Galicia, percibo que a xente do público o sente como propio; pero se canto para público portugués, moitas veces pregúntanme se son portuguesa, e iso é porque o canto dende a sinceridade e entrega máis absoluta. Non son fadista, eu son cantora das músicas que sinto propias, entre elas o fado, xaora.
Cales son as túas influencias ou modelos musicais no fado?
Se nos centramos no fado, podo falar de moitísimas influencias, porque escoito fado antigo, fado novo, fado fusionado… É certo que, cando comecei, fixeime moito en Cristina Branco. Pero agora que coñezo tantas e tantos fadistas é difícil dicir un nome. Tal vez neste punto xa me fixo máis no meu estilo propio, procuro o meu xeito.
Sacastes hai un ano e pouco un disco con Clave de Fado, “Xanelas”. Desde os vosos comezos fostes evolucionando e introducindo outro tipo de estilos musicais ademais do fado no voso repertorio que, finalmente, deron como resultado este traballo tan sumamente interesante. Fálame del e dime cal é o teu balance e a túa valoración deste tempo.
Pois foi moi intenso. A verdade é que foi un traballo moi duro, onde houbo moitos cambios polo medio, con alegrías e tristuras. Apredín moitísimo, e polo menos xa sei o que non quero volver facer (hahaha).
Comprobei que este mundo da industria musical é un pouco paradoxal. Podemos ter moito éxito no público, pero como non temos unha proxección mediática forte, aí queda a cousa; é complicado. Pero seguimos na loita porque vemos a resposta da xente.
En canto á evolución como grupo, pois certamente neste momento estamos noutro camiño, diferente, encamiñado máis á fusión de estilos e por suposto á experimentación co xénero musical.
Supoño que por aí van os tiros do proxecto no que agora estás embarcada, Arifi, cun estilo totalmente distinto e máis achegado ás reminiscencias da música árabe ou andalusí. Chamoume moito a atención porque ademais está formado por grandes músicos dunha orixe do máis diversa.
Siiiiii. Estamos moi emocionados con este proxecto.
Propúxeno eu, xa que adoro o traballo de Radio Tarifa, e precisaba facer algo que me fixese sentir preto desta música. Esa foi a semente.
Ademais, dende moi nova bailo danzas orientais, e sigo formándome, así que precisaba dun proxecto no que puidese soltar un pouco, xa sabes.
O grupo formámolo Gonzo Piña (baixo, produción, son…), Vadim Yunevich (acordeón, arranxos e composición), Toni (percusións árabes, arranxos de percusión), Marco Mendoza (batería) e mais eu (coa voz e coordinando todo un pouco Todos participamos en todo, a verdade é que é un pracer ter unha formación onde todos camiñamos na mesma dirección.
O proxecto inclúe músicas de raíz da Península Ibérica (música popular de Galicia, sefardí, etc) fusionada con ritmos árabe andalusís ou mesturando con ritmos máis actuais. No repertorio contamos con cantigas de Galicia, Portugal, León, Andalucía…
Coma ben dixeches, todos vimos de mundos moi diversos en canto á música e a nosa orixe. Vadim é un multiinstrumentista bielorruso, que toca e compón para grupos moi diversos (teatro, bandas como Krebinsky, Kibitka etc); Marco Mendoza é un percusionista venezolano; Toni tocou con Faltriqueira, Xoan Curiel, Davide Salvado…; Gon ten unha traxectoria moi ampla (formouse en Galicia e Barcelona, e tocou con grupos de funk, rock etc). As nosas influencias son moi amplas, que dende logo enriquecen este proxecto, pero neste caso o noso amor polas músicas de raíz e as músicas do mediterráneo, lévannos a camiñar por estes sendeiros con pracer e entrega. Comezamos coas presentacións no mes de xuño e hai varias datas marcadas este verán. Quen estea interesado pode consultalas no noso facebook.
Xa nomeaches a Gonzo varias veces, que é o teu eterno acompañante e, se non me equivoco, tamén a túa parella. Como é traballar xuntos?
Uf… seguinte pregunta (hahaha). Pois é moi duro ás veces, pero realmente moi gratificante. Compartimos tantas cousas, emocións, vivencias… Ademais a música é curadora, así que imaxínate. É xenial!
Ademais de intérprete xa compuxeches algunhas pezas. Como dá unha un paso adiante para botarse a crear? Como é para ti este proceso e como o afrontas?
Ben, a verdade é que o fago de forma moi intuitiva; non son unha experta e teño poucos recursos; pero os que teño lévoos ata o límite, exprimo todo ao máximo. E o que me axuda é que non teño medo, fago todo dende a miña mellor intención e o atrevemento.
Se compoño ou escribo ten que ser de xeito natural, por inspiración; ten que aparecer no momento, non o procuro case. Intento que suceda, pero non forzo e, de repente, todo vai encaixando. Teño algunhas cousiñas que algún día espero amosar
Aínda que de momento prefiro seguir aprendendo.
Na miña humilde opinión es unha gran profesional, cunha voz e unha maneira de cantar persoais e recoñecibles, e un dominio técnico importante. Tes algún ritual ou algunhas rutinas á hora de coidarte para ter a voz en forma?
Moitísimas grazas polo comentario. Estas palabras cando veñen dunha compañeira do teu nivel, pois sentan especialmente ben, e anímanme a seguir traballando ;). A verdade é que hai moito talento e moi bos profesionais na nosa terra. Espero que todos e todas teñamos a oportunidade de mostralo.
En canto ao ritual ou coidados, pois cousas sinxelas, sobre todo ensaiar e adestrar a voz, sempre propoñendo novos retos. Non fumo, bebo bo viño (hehe), sempre procuro ter a gorxa hidratada, estar en forma, descansar o máximo que poida e facer cousas que me fagan feliz a min e aos que me rodean. O estado de ánimo afecta directamente á voz, así que procuro estar feliz.
Confeso que antes dos concertos procuro facer os meus exercicios de quecemento, pero ás veces é complicado, porque a xente me mira coma se estivese tola, facendo ruídos raros coa boca e poñendo caretos bastante cómicos.
Sei perfectamente o que dis porque me pasa o mesmo (haha). Mais non estamos tolas ou, se o estamos, polo menos somos tolas felices Agardo que vos vaia de marabilla neste novo proxecto. Mil grazas pola atención!
EN CURTO
Un lugar onde actuases que te impactase. O Mosteiro de Sanfins, en Portugal, unhas ruínas nun monte cunha enerxía moi especial.
Un lugar onde che gustaría actuar. Moitísimos lugares, eu quero viaxar o máximo que poida e levar a miña música polo mundo; pero se me poño a pedir… hoxe apetéceme Cuba.
Unha cantiga que che encante. Tantas…. Mais agora ocórreseme Veinte años.
Un tema do teu repertorio que destacarías. Por dificultade e esixencia un tema sefardí que canto agora con Arifi, Morenica.
Un concerto que te deixase alucinada. Montóns afortunadamente, pero aínda tremo cando lembro un concerto de Dhafer Youssef. Uf, que intensidade!
Un libro ou poema que leses e que te impresionou. Océano Mar, Alessandro Baricco. Impresionante.
Unha persoa que te marcase, aínda que non sexa do eido musical. Cada persoa que se cruzou na miña vida forma parte do que eu son. Houbo xente que me marcou para ben e outra para mellor (procuro ser positiva). Pero podo dicir que Gonzo Piña foi moi importante. Grazas a el e a seu pai, Pepe, atrevinme a dar o paso para cantar en público sen estar arroupada por un coro.
Por Xiana Lastra para Entre Bambolinas
The post IRIA ESTÉVEZ: “CANTO DENDE A SINCERIDADE E A ENTREGA MÁIS ABSOLUTA” appeared first on Pincha(e)Discos.