O Outono Códax Festival, o festival galego de música negra, redimensiona neste 2016 a súa proposta cun total de 6 concertos, fronte ás 3 habituais citas das edicións pasadas. Así, serán tres as fins de semana (días 7 e 8 e 28 e 29 de outubro e 11 e 12 de novembro) nas que poderemos gozar do seu selecto cartel de soul, rhythm&blues, swing, boogie e rock´n roll.
A Sala Capitol de Santiago será a sede principal do ciclo que este ano desdobrarase tamén na sala compostelá Riquela, un novo espazo de lecer no centro do casco vello que nace coa vocación de complementar a actual oferta musical e cultural da capital galega e que terá as súas portas abertas ao público o vindeiro mes de setembro. Esta 6ª edición do festival conta de novo co patrocinio de Martín Códax, e coa colaboración de Pousadas de Compostela, así como a de case un cento de establecementos hostaleiros e comerciais da capital galega.
Grandes voces
Serán dúas das grandes voces do soul contemporáneo, Lee Fields e Marta High, e os míticos The Pretty Things, unha das bandas máis importantes do rock´n roll británico de todos os tempos, os que protagonicen con toda seguridade algúns dos momentos máis sonados deste ano. Xunto a eles, actuarán no Outono Códax dúas das referencias internacionais actuais máis salientables do xénero: Luke Winsloy King (considerado líder dos novos tradicionalistas do son Nova Orleans) e Virgina Brown and The Shameless (banda siciliana que mestura os ritmos afrocubanos co rhythm&blues nunha explosión de enerxía que arrasa alá por onde pasa).
Os cataláns Wax&Boogie (convertidos xa nunha das mellores expresións estatais do formato blues, rhythm&blues e boogie woogie) e os asturianos TrashTornados (banda de virtuosos que van moito máis alá do neo swing co que habitualmente son etiquetados) redondean un cartel no que a achega galega deste ano, compromiso irrenunciable do festival coa música feita en Galicia, correrá a cargo de dúas das bandas máis prometedoras da escena actual: The Hellbuckers e Andhrea and The Black Cats.
Actividades paralelas
Como xa é habitual, o Outono completa a súa proposta musical con distintas actividades paralelas relacionadas co seu ámbito polo que, un ano máis e fiel a esta filosofía, inclúe nesta edición a expo “Rocker, retrato dun espírito”, na que o fotógrafo catalán Antonio Alay ofrece a súa visión sobre a cultura rockabilly e os amantes do rock´n roll clásico, nun traballo no que regresa ao negro en busca das luces da noite, as caras afiadas e os ritmos acelerados. A mostra permanecerá aberta na Fundación Granell de Santiago, do 28 de outubro ao 15 de novembro. Á exposición uniranse as xa tradicionais allnighters do festival (pinchadas ao final de cada concerto) e as sesións out: pequenos concertos gratuítos na rúa cos que a organización quere sacar o festival a pequenos espazos abertos que permitan ao público gozar de auténticos directos en pequeno formato.
En canto aos prezos, venderanse entradas individuais de 20 euros (+gastos) en venda anticipada e 24 euros en billeteira para os concertos na Sala Capitol, e de 4 euros para os concertos na Sala Riquela. É máis, os abonos deste ano, que terán un prezo de 40 euros (+gastos) ate o 31 de agosto e de 48 euros (+gastos) a partir do 1 de setembro, incluirá o acceso gratuíto aos 3 concertos da Sala Riquela.
De igual xeito, e como nas súas anteriores edicións, o Outono Códax porá en circulación o denominado “Rock´nporte”, un “pasaporte” directo e gratuíto aos concertos para aquelas persoas que realicen consumicións ou compras nos case 100 establecementos hostaleiros e comerciais que colaboran co festival.
The post Dobre ración de Outono Códax Festival con seis concertos entre outubro e novembro appeared first on Pincha(e)Discos.