O próximo 20 de febreiro celebrarase en Santiago unha nova edición do festival galego-asturiano Primos Hermanos. Teremos a oportunidade entón de ver na cidade a varios artistas da comunidade veciña: Rodrigo Cuevas, Fee Reega, Thee Operators, Autotan e Bobkat’65. Pero gracias a quen gozaremos destes concertos? Detrás deles están preto de 200 persoas. 200?? Dirás. Si! Porque os organizadores son os membros da asociación sen ánimo de lucro Desconcierto Cultural, tamén autores doutros proxectos como a divertida Romaría Pop que acolleu o parque de Belvís ou ciclos como o TerraZeando, que cada verán enche as rúas compostelás con boa música. Queres saber un pouquechiño máis deles? Continúa lendo!
Cando e por qué decidíchedes poñer en marcha Desconcierto Cultural?
Pois todo comezou a mediados do 2010, cando Sergio Domínguez, coordinador por aquel entón dos contidos de desconcierto.com, e Manuel Suárez colaborador habitual do webzine, comprobaron coma ningún promotor local se arriscaba a traer a Galicia a Greg Dulli, cantante dos Afghan Whigs, quen xiraba por Europa. Así que con dous amigos máis decidiron crear Desconcierto Cultural, por unha banda para poder estructurar de un xeito legal un concerto de ese calibre, e por outro buscando darlle un pequeno impulso a desconcierto.com, que dende ese momento pasou a pertencer á asociación cultural, e polo tanto ós seus socios.
Cantas persoas estades detrás deste proxecto? Sendo unha organización sen ánimo de lucro, por que implicarse nela?
Afortunadamente, para o ser humano as motivacións económicas non son sempre unha prioridade, e participar en proxectos de voluntariado ou asociacións culturais é tremendamente satisfactorio. Neste momento, contamos con máis de 190 socios que están implicados dun xeito ou doutro na asociación; uns simplemente pagan a súa cota anual relixiosamente e asisten aos eventos que organizamos, e outros participan activamente na organización e promoción destes.
Ao longo do ano organizades diferentes festivais de música en Compostela. Como logrades traer a tantos grupos á nosa cidade? Quen é a mente creativa?
Pois a verdade é que a mente creativa non é un quen, senón un qué: unha lista de correo na que participan activamente varias ducias de socios, e da que saen e collen forma tódolos proxectos que desenvolve Desconcierto Cultural. O funcionamento das listas de correo é tal que cando alguen escribe un email, este lle chega a todo aquel que está suscrito a ela. O mesmo ocorre cando outra persona responde e outra, etc…Cando por ese canal algún socio lanza unha proposta, no momento que consegue suficientes apoios, créase unha comisión de traballo que leva a idea (un concerto, un festival, un obradoiro..) a bo fin.
“No 2015 tódolos concertos TerraZeando estaban a rebosar e conseguimos vender 150 entradas para un artista tan “complicado” coma Vessel”
Ata o de agora, cales foron os concertos máis exitosos? Cal é a resposta do público? Somos ‘bailongos’ os composteláns?
Dende a nosa perspectiva coma asociación sen ánimo de lucro, “éxito” é un término un tanto relativo, e dende logo non ten porque ir directamente relacionado coa cantidade de público que vai a un concerto. Éxito pode ser conseguir traer a un artista co que un socio leva anos soñando ver, pode ser darlle a posibilidade a un grupo novel de tocar con unhas condicións técnicas ás que non está acostumbrado, ou ver a un neno convertirse nunha estrela por uns minutos nun obradoiro musical. De tódolos xeitos, non cabe dúbida de que sempre nos gusta ver público nos concertos, e afortunadamente levamos moito tempo sen ver números vermellos cando facemos o balance económico tras un evento, xa que tanto o público compostelán coma o coruñés (onde nos estreamos no 2015) están respondendo moi ben. Durante o 2015, por exemplo, tódolos concertos do ciclo TerraZeando estaban a rebosar, e conseguimos vender 150 entradas para un artista tan “complicado” coma o británico Vessel, ou para o CortaPega, o microfestival de música electrónica no que por suposto, os composteláns bailaron con ganas.
Agora chega unha nova edición do Primos Hermanos. Canto nos une e canto nos diferencia – musicalmente falando – cos asturianos?
Tentando non caer no tópico de resaltar a cantidade e calidade das propostas que actualmente hai en Galicia e Asturias, sí destacaría dúas coincidencias. Por unha banda as dúas comunidades comparten un pasado no que distintos movementos traspasaron as súas fronteiras, caso da movida viguesa ou o Xixon Sound. Sen entrar a valorar ás bandas que foron englobadas por esas etiquetas, é probable que influísen en maior ou menor medida en parte da música que se está facendo en ambas as rexións e mesmo fóra delas. Outro punto en común atopariámolo na riqueza do seu cancioneiro tradicional. Por este motivo, este ano quixemos amenizar a sobremesa compostelá cun encontro informal de cantigas e cantigas, e recuperar así algunha desas cancións.
Que grupo/artista tendes ganas de traer a aínda non puidéchedes facelo?
Pois sempre hai artistas que por unhas e por outras non consigues traer. Foi especialmente dolorosa a cancelación de The Soft Moon fai uns anos, e agora xa son unha banda demasiado consolidada para sequera intentalo. Sean Nicholas Savage é un artista que ao menos tres veces intentamos que pasara por Galicia, pero que por unhas ou por outras non dou saído, e temos un socio que di que el se meteu na asociación para montarlle un concerto a Atlas Sound (Bradford Cox, de Deerhunter) e que marchará cando o consiga. Pinta que vai a quedar con nos durante moito tempo.
Que máis tendes pensado para este ano? Algunha sorpresa ou novidade?
Pois a verdade é que temos o Primos Hermanos á volta da esquina pero xa estamos a argallar a próxima tempada do TerraZeando, que promete moito. Tamén repetiremos o CortaPega, probablemente antes do verán, así que estade atentos.
The post Desconcierto Cultural, seis anos cumprindo os soños musicais de milleiros de composteláns appeared first on Pincha(e)Discos.