Quantcast
Channel:
Viewing all articles
Browse latest Browse all 25

NASTASIA ZÜRCHER: “My Flight anima ás persoas a confiar nos seus soños”

$
0
0

Nastasia ZürcherComeza a notarse o frío nas rúas de Compostela. Aquí estou, ao lado do Derbi, agardando a unha gran amiga para que me conte que sente despois da presentación do seu primeiro traballo discográfico hai soamente unhas semanas na Sala Capitol. Por suposto, estiven alí. Fun testemuña, como moitas outras veces, da súa profesionalidade e da súa calidade; esta vez aínda maior, máis asombrosa, máis arrebatadora, porque por fin é a propia Nas a que nos mostra o seu interior, os seus temas, o que ela compón e escribe desde o máis profundo da súa alma souleira. Tras pasar por grupos como Rastrexos e o Coro da Ra, comezou a Voar o 14 de febreiro de 2014, coa publicación desta primeira peza á que seguirían outras moitas que finalmente darían vida ao despegue definitivo: My Flight.

Carismática, sinxela, sensible… así é Nastasia Zürcher, esta muller metade galega e metade suíza que asombra a quen a escoita co dominio da súa voz.

Parabéns pola presentación. Estarás contentísima, cales foron as túas impresións despois do concertazo na Capitol?
Pois estou moi contenta a verdade, foron moi boas, e tamén por parte da banda aínda que tivemos só dous ensaios previos e ningún deles todos xuntos, senón que fixemos por unha banda ensaio de voces na Coruña e por outra coa formación en Pontevedra, pero coñezo ben o nivel dos músicos e sabía que funcionaría.

Como montaches o operativo?
Mandeilles os audios do disco hai ao redor dun mes e ao pouco paseilles partituras guía, que fixo Adrián Saavedra, gran músico e tamén baixista no grupo. Son destas cousas que, como non as fagas no teu día a día esqueces o manexo, e claro, frústrome porque tardo un montón, así que decidín encargarlle o traballo a el que está moito máis afeito. E despois, nos ensaios, tentamos definir un pouco o que faría cada un xa que, por exemplo, no disco hai varias guitarras porque Pachi (Pachi García/Alis, produtor) é superguitarreiro, así que tivemos que decidir cal delas escolliamos para o directo.

Cal foi o proceso para o nacemento de My Flight? Creo que durou uns tres aniños…
Si, máis ou menos. Cando marchei para Madrid, que estiven alí un par de anos estudando, un dos meus obxectivos era o de lles dar vida aos temas. Ao longo dese tempo foron nacendo. Case todos estaban rematados en canto a estrutura, melodías… e faltaba rematar algunhas letras, definir certos detalles. Digamos que neses dous anos fóronse xestando, avanzando e vivindo… e logo, este último ano en Galicia, deilles a forma final e decidín un pouco máis a instrumentación.

Ese é un tema que me interesa moito, porque me parece que xa levabas o disco máis que pensado, non? Na túa cabeza xa sabías como ía soar.
Si, de feito ao principio, cando falei con Pachi, díxome co seu acento de Andalucía: “Tú, Nastasia, lo que necesitas no es un productor, lo que necesitas es un técnico multiinstrumentista que tenga un estudio y te pueda dar su visión, pero tú lo tienes todo muy claro”.

“Non podes facer un concerto de música do mundo superprofundo e estar no escenario en vaqueiros”

Cales son as túas principais influencias?
Gústame a música en xeral. Non hai unha influencia exacta dun estilo, senón que foi baseado na liberdade total, desenvolvendo melodías e cancións que tivesen unha coherencia entre elas e unha mensaxe, pero sen limitarme a “quero que soe máis a isto”. Logo ves que na onda xeral do disco hai moito soul, new soul, guitarriñas funky, que queda moi guai… pero vaia, foi saíndo así de maneira natural.

A min Sans nos peurs lembroume moitísimo á Céline Dion da etapa francófona.
Pois é verdade. Xa mo dixeron máis persoas. Facendo unha pouca de reflexión obxectiva… si se parece. Ademais Céline Dion é a miña primeira gran musa. Ten unha carreira moi grande aínda que aquí só se coñece a etapa inglesa, pero ten moitos discos en francés marabillosos.

PNR está dedicado aos teus irmáns Pablo e Román.
Si, era unha cousa que me apetecía facer para eles, como unha “homenaxe” sincera e eterna. E de feito, no disco metemos as risas dos tres de nenos. Facíame moita ilusión.

De que máis fala My Flight?
O obxectivo é dar mensaxes positivas. Hai temas que falan da interiorización, de quen somos, de aceptarnos uns aos outros… To be cool, por exemplo, fala diso, de que non fai falta que vaiamos de guais pola vida, porque ao final non somos nós mesmos e auto-anulámonos. Ou Sans nos peurs, que significa “Sen os nosos medos”, e fala da confianza nun mesmo. Tamén Follow me, coa que remata o disco, que anima a confiar nos nosos soños e a ir por eles.

Que ao final iso é un pouco como es ti… unha persoa moi traballadora que loita polo seu soño.
A verdade é que unha das cousas que me ensinou Javier Constenla é a Constancia (risas). Sempre me pareceu divertido ese xogo de palabras. E é así. A vida é un camiño do día a día e ti decides como queres andalo. Está claro que sempre hai circunstancias externas que inflúen nun, pero a constante es ti, e ti dirixes a túa vida, o teu temón.

“Céline Dion é a miña primeira gran musa. Ten moitos discos en francés marabillosos”

Que perspectivas tes agora mesmo despois de presentares o teu disco en Galicia e Madrid?
Agora estou co tema dos festivais de cara á primavera-verán, que é unha plataforma moi boa para mostrar a túa música en sitios onde, de entrada, non tes un público porque estás comezando. E estou mirando de ter máis datas concretas de presentación como en Barcelona, no Sur, e ao mellor en Santiago algunha outra cousiña que aínda é sorpresa…

Como é o teu día a día co canto?
Nestes últimos meses, con todo o do disco e o traballo de oficina, case non teño tempo nin a ensaiar, aínda que procuro cantar algo cada día. Estou comezando a retomar a rutina. E logo, tocante ao coidado vocal, creo que chega un momento na vida da cantante no que xa non te decatas do que fas para coidar a voz, senón que se converte na túa forma de vida. Pola mañá a xelea real, o mel, os batidos de froita, os froitos secos, o pole… todo o que fai que te manteñas ben… os fulares… Tamén o baile e o deporte, como cantante e artista penso que é primordial para poder con todo. E despois quentamentos suaves, sempre de menos a máis. E se hai días que metes máis caña, pois ao seguinte descansas un pouco. Moito amor, ese é o resumo de todo.

Es unha persoa que lle dá moita importancia á imaxe. Non sei se en certa maneira se trata de crear unha sorte de “personaxe” no escenario.
Opino que a faceta artística é un pouco iso, non é un personaxe porque es ti, pero si ten que haber unha coherencia. Ti non podes facer un concerto de música do mundo superprofundo e exótico e estar no escenario en vaqueiros, entre comiñas, por xeneralizalo moito; ou si, pero porque ten unha razón. Eu véxoo primordial. O artista ademais ten as dúas visións, uns días está enriba do escenario pero outros moitos está abaixo, de público. Entón tes que pensar en ti como público… Que che gusta? Que che atrae? A min gústame un conxunto, unha estética, que haxa esa coherencia co estilo de música, coa fotografía… Por exemplo, no videoclip de Ready, apetecíame que o nexo de unión fose o turbante. A idea principal era esa onda afro funk moi cool que ten un pouco o tema, e de aí foi derivando pouco a pouco ate un look máis oriental… Eu doulle moita importancia a todo isto porque é parte do espectáculo.

Cres que aquí descoidamos un pouco esa parte?
É certo que hai como un pequeno desleixo nese sentido; quizais porque nunca se formulou o asunto. E é unha pena, porque a música galega ten tanta personalidade e tanta forza que, á fin e ao cabo, o atrezzo e o vestiario que uses o que fai é que esteas aínda máis no teu papel, no teu rol, porque estás nun momento especial, nun escenario compartindo a túa música. É un momento de unión de moita xente e tes unha responsabilidade dentro diso.

Grazas pola conversa e moita sorte, Nas. E ti? Non quedaches coa intriga? A que esperas para mercar My Flight? Toda a información en www.nastasiazurcher.com

Nastasia ZürcherEN CURTO

Alguén con quen che gustaría cantar. Coa cantante de Alabama Chakes, Brittany Howard, que me parece doutro planeta.

A persoa a quen máis admiras artisticamente No máis espectacular estaría Beyoncé, por ser unha artista completísima. É unha persoa con moita conciencia do que significa estar no punto de mira e de como levar a súa carreira. E logo, a nivel non tan estratosférico, estaría o grupo Fuel Fandango ou a compositora Lianne La Havas.

Un lugar especial onde actuases. Por suposto, o concerto do outro día na Capitol, porque foi máis que un soño e é un sitio de referencia. E tamén o Festival de Ortigueira, con Rastrexos.

Un lugar onde che gustaría actuar. O Albert Hall, porque ademais de ser un sitio precioso e emblemático, é como unha meta nunha carreira, que marca un antes e un despois.

Unha peza que destacarías do teu disco. Our Generation, pola súa mensaxe e porque é un reto vocal e físico que supón. Aínda que me gustan todas (risas), incluída unha que quedou fóra do disco e que, de feito, era a que lle daba o título! Menos mal que eu encaixo ben e ata me gustan este tipo de cambios de última hora, de xiros inesperados (risas).

Unha cantiga que teñas como un referente. Unha constante ao longo da miña vida é To build a home, tanto pola letra como a nivel persoal.

Por Xiana Lastra

The post NASTASIA ZÜRCHER: “My Flight anima ás persoas a confiar nos seus soños” appeared first on Pincha(e)Discos.


Viewing all articles
Browse latest Browse all 25

Trending Articles


MARÍA OLIMPIA DE OBALDÍA [9233]


JUAN ANTONIO CAVESTANY [14.478]


Un Pombero anti-robos


Goku tamaño real


ALFREDO HERRERA FLORES [17.044] Poeta de Perú